18/09/2014

De palabras e comunidades...






Entrevista en "Palavracomum":

http://palavracomum.com/2014/09/17/entrevista-a-rosalia-fernandez-rial/

ENTREVISTADOR: RAMIRO TORRES

Palavra Comum: Que supõe para ti a poesia/literatura?
Rosalía Fernández Rial: Primeiro, unha maneira de entender a existencia, de estar no mundo. Vivir como poeta, para min, ha de transcender o acto de escribir e abrirnos novas perspectivas sobre a realidade que nos rodea. Logo, toda manifestación literaria supón, ao meu entender, un xeito especial de comunicación co/a “outro/a”, tanto no proceso de lectura como na transmisión oral ou visual das composicións. E, por último, aínda que non menos importante, a poesía que valoro como tal ten que sublimar a linguaxe, xogar con ela e darlle a volta.
Por outra banda, penso que a poesía ha de servir tamén para verbalizar o inexplicable, aquilo que resulta imposible de racionalizar. Mais non como medio terapéutico, senón como forma diferente de comprensión e cognición.
Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?
Rosalía Fernández Rial: De moi diversas maneiras, en función do que se estea a crear. Non considero que exista un “método” aplicable a todo proceso de construción dunha peza artística. Ao contrario, será a propia obra a que nos reclamará un xeito de traballar determinado, diferente en cada caso. O que si penso é que nese camiño a formación é necesaria mais non suficiente. Explícome: estou a defender que para elaborar un discurso artístico con valía e fundamento son necesarios certos coñecementos e referencias que han de alimentar as capacidades innatas de cada persoa –en calquera campo- mais eses contidos e habilidades non han de ter un carácter “académico” e nin sequera sistematizado, pois iso condicionaría demasiado o camiño cara ao produto final. Trátase de optimizar as túas competencias naturais nun campo de maneira que che permitan resolver os interrogantes que van xurdindo da maneira máis achegada á utopía que te propós nun principio.
Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, fotografia, plástica, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?
Rosalía Fernández Rial: Eu creo moi firmemente na interdisciplinariedade e deféndoa en todos os ámbitos do meu traballo. A arte é unha e moitas ao mesmo tempo. Mais penso que sempre vas ter unha que é a “túa”, o teu xeito natural de expresarte e de chegar, desde el, ás demais. É como unha lingua materna inicial que, logo, che abre paso a outros idiomas; sabes cal é a lingua un (L1) porque é a que dominas, a que levas dentro, non só de xeito racional, senón, sobre todo, intrinsecamente, forma parte de ti. Logo, desde aí, podes e debes entender o prisma comunicativo do que formas parte porque só así entenderás por completo a túa propia linguaxe.
Todos os poemarios que publiquei foron ilustrados ou “traducidos” a diferentes manifestacións plásticas –dentro e/ou fóra do libro- por distintos pintores; sempre os levei a escena e, nesas dramatizacións, sempre existiu unha banda sonora, unha música composta ex profeso para tales intervencións. Máis recentemente tamén ando a experimentar co ámbito audiovisual. Desde pequena, cursei acordeón no conservatorio e fixen teatro. Non obstante, entendo todas esas manifestacións desde a literatura, desde a poesía; cando subo a un escenario ou penso pezas teatrais, cando escoito música, cando vou ao Centro de Arte Contemporánea ou cando vexo un filme, se teño que explicar o que sentín, recorro á “lingua materna”, en xénero lírico e en galego. Logo, existen traducións, pero o natural é o primeiro.
Palavra Comum: Que poetas e formas criativas, em geral, reivindicas por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?
Rosalía Fernández Rial: Pois aínda que semelle un paradoxo, penso que na actualidade empeza a ser necesario reivindicar o “clásico”. Creo que unha debe ser creadora do e no seu tempo, avanzar sempre e esquecer excesos morriñentos que non conducen a nada. Certo. Mais, aclarado ese principio fundamental, defendo tamén que non todo vale. Non se pode crer que se está a descubrir novos universos cada día por dispoñer de medios tecnolóxicos se non se coñece e recoñece a Rosalía de Castro, quen sabiamente respondería a tal vicisitude: “Ben sei que non hai nada / novo embaixo do ceo, / que antes outros pensaron / as cousas que hora eu penso. / E ben, ¿para qué escribo? / E ben, porque así semos, / relox que repetimos / eternamente o mesmo.”
É que, ademais, Rosalía de Castro foi unha moderna no seu tempo e hoxe ben seguro que andaría rodando videopoemas e revolucionando a escena contemporánea galega. E ese debe ser o referente; medrar mais no lombo dos xigantes, léndoos e actualizándoos constantemente. Nós temos que mirar cara adiante e “romper” pero sen perder xamais a perspectiva; saber de onde vimos resulta imprescindible para saber cara onde tirar. Non podemos abrir camiño se non temos unha visión panorámica da cartografía literaria.
Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
Rosalía Fernández Rial: Tomando en consideración o afirmado anteriormente, penso que, enriba dos xigantes, quedan aínda moitos camiños por abrir. As TIC supuxeron unha revolución na forma de entender a recepción das obras artísticas e ningún creador pode vivir de costas a iso porque suporía negar unha realidade evidente coa que acabaría por colisionar antes ou despois. O libro impreso ha de transcender a outros medios, estender a súa existencia alén do formato papel e superar todas as fronteiras. Mais tamén é certo que aínda estamos moi perdidos nese aspecto e a min hai dúas problemáticas principais que me preocupan especialmente nese sentido: por unha banda o desprezo dun “vello mundo”, como se houbese que enfrontalo obrigatoriamente a algo novo que comeza xa. Como comentei antes, é inútil e contraproducente caer na morriña ou pechar os ollos ás infinitas posibilidades que as últimas décadas nos abriron, mais tampouco podemos correr o risco de perder o pasado nin de prescindir dun “canon” –que si, agora ten que abrirse, adoptar perspectivas de xénero, non discriminar- mais debe estar aí, ten que haber filtros de calidade mínimos en todas as esferas creativas. Sen iso non hai identidade nin consumación do feito artístico.
Por outra banda, os medios tecnolóxicos non poden reducirse a “novos soportes” en ningún ámbito do coñecemento nin da creación. De que serve seguir ensinando análise sintáctica de xeito estruturalista nun encerado electrónico? Non ten sentido. Pois na arte acontece o mesmo. Xa Cortázar ou Borges escribiran “hipertextos” en formato papel e, pola contra, atopamos libros en formato dixital que resultan do máis tradicional na súa construción narrativa ou poética.
En resumo, se fai falta moita formación para procesar a información que internet contén, tamén é necesario coñecer as fontes primarias e percibir as súas innovacións para avanzar con xeito e non en carreiras cara ningures. Hai que acceder a bibliografías fiables, preocuparse por saber de onde vén cada cousa e deixar de copiar e pegar sen sentido. Cómpre escoitar antes de falar. Do contrario, afogaremos entre a Marusía.
E a lingua galega, así como o seu panorama cultural ten que aproveitar todos os novos medios con siso, para atopar o sentido que ten no mundo; neste mundo.
Palavra Comum: Que perspectivas tens sobre a língua galega (e também sobre a sua relação com a Lusofonia)?
Rosalía Fernández Rial: Todas. Teño todas as perspectivas do mundo sobre a lingua galega hoxe, onte e mañá. O problema teno a xente, non a lingua. Cientificamente están máis que probadas as vantaxes do multilingüísmo, así como a capacidade de comprender linguas achegadas sen telas estudado nunca. Que galego non entende a un Brasileiro? Que catalán non entende a un francés? Non hai dúbida sobre a intercomprensión e a riqueza da diversidade cultural. O que abre suma, sempre e desde a tolerancia todas as opcións poden e deben convivir. Diso non teño dúbida, como tampouco do sentido da propia identidade na realidade globalizada actual.
Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
Rosalía Fernández Rial: O que máis valoro e aprecio de Palavra Comum é a coherencia con moitos dos principios que veño expoñendo; os seus creadores e directores son persoas con ampla formación literaria e artística e cunha especial sensibilidade nese e outros ámbitos. De feito, penso que as revistas galegas que queiran ocupar un espazo importante en internet deberían estar levadas por persoas con ese perfil se queremos ocupar o lugar que a nosa cultura merece, hoxe, no universo cibernético. Ao noso favor debo dicir que tanto esta revista como outros portais culturais e xornais dixitais cumpren sobradamente tales obxectivos, o cal supón un orgullo para os navegantes galegos.
En canto ao que me gustaría ver aquí… Quizais algún debate máis sobre cuestións de actualidade vinculadas coas artes nas que houbese visións diversas e de altura, que contribuísen a guiarnos un pouco neses “camiños” que antes comentamos. Ben é certo que xa están presentes, pero quizais dunha forma contrastada, con outros formatos, poderían gañar aínda máis.

16/09/2014

IX CICLO de mesas redondas "Escritoræs na Universidade": COMO ESCRIBIR O FUTURO?


A AELG organiza o:

IX Ciclo de mesas redondas Escritoræs na Universidade
Como escribir o futuro? 
17, 24 de setembro e 8 de outubro
De 13:00 a 14:30
Salón de actos Facultade de Filoloxía e Traducción da Universidade de Vigo
Lagoas Marcosende, s/n (Campus Universitario)
17 de setembro - Narrativa
Ficción ou dicción? Como escribir unha verdadeira novela contemporánea?
Ledicia Costas e Manuel Portas
24 de setembro - Poesía
E que faremos do lirismo? A pantasma da poesía dos oitenta
Rosalía Fernández Rial e Samuel L. Paris
  
8 de outubro - Teatro
Contar ao carón da lareira en tempos dixitais. Existen novas linguaxes na oralidade?
Celso Fernández Sanmartín e  Paula Carballeira





11/07/2014

AUTOPISTA. NINGÚN AMANTE SABE CONDUCIR




Videoclip de dous poemas do 
NINGÚN AMANTE SABE CONDUCIR

09/07/2014

BIOLISE


Biolise cover art


Isto é MÚSICA, isto é saber compoñer, é post-punk e post-metal, garaxe, grunge, actitude, intelixencia, talento, formación, innovación, atrevemento...
Para quen lle guste ese estilo en grupos europeos ou ianquis... Que saiban que aquí tamén temos e de moita altura:

Estes días os Vicky Polard andan de actualidade: http://guieiro.com/central/111125wp/2014/07/08/vicky-polard-verkami-para-gravar-o-seu-novo-album/

Si, están trallados... Por iso -e por todo o que acabas de escoitar- merecen que lles botemos unha man, non cres?

04/07/2014

NINGÚN DOS VINTE AMANTES SABE CONDUCIR


proximamente
....

EN ESCENA !


(xoves 10 de xullo - Libraría Lila de Lilith - Rúa Travesa, 7 - Santiago de Compostela)

[Con Montse Pena e Mercedes Queixas ao volante..]

01/07/2014

2ª edición




Os personaxes do VINTE EN ESCENA volven ás rúas !! 
Con menos recursos e máis enerxía...
...

"Porque o pretérito nunca foi
e un punki sempre sabe
que 'NON HAI FUTURO'" 
(Escena XIX, p. 49)

07/06/2014

Un posible sorriso






http://cadernodacritica.blogaliza.org/2014/06/07/ningun-amante-sabe-conducir-de-rosalia-fernandez-rial/

no Caderno da Crítica de Ramón Nicolás


AUTOR DA RECENSIÓN: RAMÓN NICOLÁS

Rosalía Fernández Rial (Carballo-Muxía, 1988) contribúe a alentar e vivificar con solidez o noso discurso poético e faino cunlibro coma este, que abraza certa rebeldía e irreverencia e que se acaroa a algo así como unha “road movie” literaria que dialoga con diversos xéneros, tripa con convicción camiños -léanse estradas- como as que conducen ao desexo e aoerotismo, interseccionando entre si  para erixir unha suxestiva e ricaz metáfora da propia vida e de nós mesmos. Kerouac, talvez, sorriría satisfeito.
Esta recensión publicouse, o 6 de xuño de 2014,  nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, baixo o título de “Unha “road movie” literaria”.

02/06/2014

12/05/2014

... e a viaxe continúa ...



Con Manuel Rodríguez Alonso e a súa crítica "arbitraria": MUNDO URBANO, EROS E FEMINISMO...

http://bouvard.blogaliza.org/2014/05/10/mundo-urbano-eros-e-feminismo/

AUTOR DA RECENSIÓN: MANUEL RODRÍGUEZ ALONSO


Mundo urbano, eros e feminismo

Por Manuel Rodríguez Alonso

Ningún amante sabe conducir

Rosalía Fernández Rial

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2014, 52 páxs.

Vimos falando aquí desde hai días dunha nova xeración de escritores e escritoras que, nados pouco antes da morte de Franco ou tras dela, se dan a coñecer coas súas primeiras obras na primeira década do século XXI. Eu chameinos Xeración do Novo Século. M. Bragado denomínaos Xeración da Esperanza. Rosalía Fernández Rial, nada en 1988, pertence aos máis novos deste grupo. O poemario que agora nos presenta ofrece algunhas características da poesía desta nova xeración, á parte de ter orixinalidade abonda de seu.
Os novos poetas son xa unha xeración urbana. De aí que a cidade e os seus motivos estean moi presentes nesta nova fornada de escritores e escritoras. Tamén escriben alleos a calquera inhibición. Deste xeito Fernández Rial presenta a experiencia erótica-amorosa, como ben indica o título do poemario, como unha viaxe en coche onde os sinais do código da circulación marcan distintas vivencias erótico-amatorias. Deste xeito a fin de núcleo urbano supón a entrada na paixón ou o cansazo e o tedio no amor non son máis ca unha dirección obrigatoria. O paso a nivel trae o tren das lembranzas do pasado cos seus desenganos e frustracións, aínda que tamén houbo ledicias. Esta experiencia amorosa non desbota o sexo, senón que o pracer sexual, como o da velocidade na autoestrada, é parte primordial na relación amorosa. Ademais, a muller como amosa a cita de Rosalía de Castro que abre o libro, é a protagonista nesta experiencia erótica, aínda que, noutro acerto do libro, o eu lírico de case todos estes poemas tanto pode ser un home coma unha muller.
No mesmo sentido hai que entender as prosas poéticas da segunda parte do libro, “Marcha atrás”. Os amantes fusiónanse coma dous coches que colisionasen e se confundisen nun incendio, do que o orgasmo é a detonación definitiva. O diálogo que pecha o libro, entre a lanzadora de coitelos e a axudante, é un interesante ensaio vangardista non alleo ao surrealismo e mesmo ao teatro da crueldade.
Xa que logo, obra dunha poeta das máis novas da última xeración, que aposta por un erotismodesinhibido nun marco urbano e da que cómpre salientar a súa forza expresiva do amor, entendido como paixón sensual irrefreable, semellante á da que suscita a velocidade nunha autoestrada. Pode ser politicamente incorrecto, mais moi efectivo estilisticamente.
Para rematar, cómpre dicir que, con menos de trinta anos, pois naceu en 1988, Rosalía Fernández Rial, pola súa obra poética anterior e por esta que comentamos agora, amósase como unha das poetas que sen dúbida ningunha están chamadas a ser figuras da lírica galega no século XXI. Algúns poemas como “Stop”, “Pendente perigosa”  “Paso a nivel” ou “Paso de animais en liberdade” son especialmente aptos para seren comentados no segundo ciclo da ESO ou no Bacharelato, posto que cómpre que o noso alumnado coñeza e lea as novas voces poéticas e se afaga a ler poesía actual.

30/04/2014

MÁIS




(S)

-Na excelente recensión de X. M. Eyré: http://tendencias.galiciaconfidencial.com/nova/18767.html

-No ZIG ZAG: http://www.crtvg.es/cultural/corte-a-corte/entrevista-a-rosalia-fernandez-rial-que-fala-do-seu-novo-libro-ningun-amante-sabe-conducir

CRÍTICA DE X. M. EYRÉ PARA GALICIA CONFIDENCIAL. AUTOR DA RECENSIÓN: X. M. EYRÉ:


Desde a mesma apariciín da maquina, do maquinismo, amor e velocidade foron conxugados na mesma declinación unha chea de veces, mais non por iso cada vez  que recunca nisto a tenativa carece de novidade, e non só novidade polo particularismo que representa a visión de cada autora ou autor. No caso concreto do  volume de Rosalía Fernández Rial, Ningún amante sabe conducir,estutúrase en tres apartados; o poemario, “Percorrido”; unha primeira reflexión sobre o poemario, para a que bota man da prosa poética; e un “bonus track” escrito en forma teatral e que nace dunha terceira reflexión. O volume en si vén encabezado por uns  moi coñecidos versos nos cales Rosalía de Castro (cales non o serán?!) se reivindica como muller rebelde porque non canta nin ás pombas nin ás flores.
A maioría da xente, ao escoitar a palabra automóbil tende a imaxinalos nunha xeografía urbana, porén este “Percorrido” reflicte un escenario interurbano, o cal lle fornece un meirande número de posibilidades expresivas xa que cada poema titúlao a nomenclatura de sinais de tránsito: fin de núcleo urbano, a cen.prohibido adiantar, dirección obrigatoria, pendente perigosa, vadopermanentepaso a nivel ...visiblidade reducida, perigo e vía sen saída. Non tratándose de tituacións caprichosas ou ad hoc, senón que corresponden a unha visión, unha concepción do amor , do amor e a relación carnal, como travesía, como choque: en defintiva, como fenómeno ao cal se lle poden aplicar sinlizacións, unha sinalización variada. Son títulos tenden a ser máis descritivos que interdicións, responden á interpretación dun determinado momento da relación amatoria, unha relación evolutiva e moi rica en matices, describen conceptos relativos á relación amatoria ou inclusive a relación en si. Por outra banda, os poemas son verticais, vertixinosos querendo responder á velocidade coa que os automóbiles se desprazan; o cal convida a unha lectura veloz, moi rápida, dun poemario que é rico na parte interpretativa, polo cal aconsellamos ou unha lectura repousada ou, aínda mellor, as relecturas que cumpran a fin de non perder esa riqueza interpretativa. E tamén, como se pode deducir logo do dito, poemas dotados dun forte erotismo; erotismo e non pornografía, por suposto.
Logo desta viaxe da voz poética, viaxe en 24 etapas, en 24 poemas, do canto amatorio, a “Marcha atrás” supón a primeira reflexión sobre o poemario, o cal significa que esa reflexión vai ser dupla, por lado metaliteraria e por outro lado sobre o obxecto da escrita. Estrutúrase en cinco apartados, o primeiro é unha descrición interpretativa sobre o poemario, na segunda diríxese á lectora ou lector, na terceira chega á conclusión de que só na literatura se fai ben o amor aínda que na cuarta teña que acudir ao pospretérito e na quinta confese que matou o eu lírico. Un eu lírico que concebiu o poemario como road movie poética, dun xeito moi transxenérico. Un eu lírico moi ecléctico que nesta segunda parte recorre á prosa poética como modalización expresiva. Non moita a distanciaentre o feito poético e a da prosa poética, certamente, mais indica claramente a necesidade deste primeiro e posterior proceso reflexivo tanto sobre a propia escrita como sobre o obxecto da escrita.
E, efectivamente, aínda será necesaria unha terceira parte, unha segunda reflexión para a cal se bota man do teatro, dunha fórmula teatral lírica, fondisimamente lírica, estrurada en once escenas protagonizadas por dúas personaxes ( Axudante e Lanzadora) que tamén reflexionan sobre o obxecto poético, a relación amatoria. Cómpre sinalar que a teatralización non é exclusiva desta parte, podéndose observar no poemario enteiro. Na primeira parte xa se nota en canto vexamos a voz poética como un desdobramento da autorial, ou, mellor, como un boneco, como  un monicreque seu que lle serve para experimentar e para espellar. Na segunda parte, a da prosa poética, a parecen outras personaxes, a voz poética ou narradora diríxese a outras personaxes, personaxes fundamentais como o propio texto, quen le e o obxecto poétizado ou narrado.
Eis, pois, un volume que deixa unha lectura certamente atraente. Resulta difícil non sentirse atraído xa desde o título, renunciar a ler un libro con título tan suxestivo. A riqueza simbólica trascende o poemario e áchase tamén inoculada na prosa poética e na teatralización, mais o poemario en si responde a unha concepción como road movie, que á súa vez é un subxénero que sempre se asimila á narrativa aínda que non sexa exclusivamente narrativo, á narrativa e á cinematografía aínda que neste caso non se poidan enterder as road movie da sétima arte en a influencia de Jack Kerouac.

22/04/2014

con

M
 EME
de Magazine,
de Montse Dopico,
de mirada...





 
foto: César López



ENTREVISTA REALIZADA POR MONTSE DOPICO PARA O SEU MAGAZINE CULTURAL:

Rosalía Fernández Rial acaba de publicar o seu novo poemario, ‘Ningún amante sabe conducir’. Unha obra na que a paixón conduce á fusión dos corpos. Coa colisión como imaxe. Na que liñas anteriores exploradas pola autora estouran, mutan, gañan matices. É, ademais, o segundo libro que lle publica Positivas, tras ‘Vinte en escena’.
‘Ningún amante sabe conducir’ ten unha primeira parte de versos, unha segunda de prosa poética e unha terceira que se achega ao teatro. O teu poemario anterior, ‘Vinte en escena’, estruturábase sobre 20 actos… É a mesma procura da confluencia entre artes?
É verdade que, no meu discurso artístico, busco moito a interdisciplinariedade. Os meus grandes referentes son a poesía, o teatro e a música, aínda que tamén poida haber influencia das artes plásticas, por exemplo. Mais teatro, música e poesía son a base da estrutura, e tamén do fondo, do contido.
‘Ningún amante sabe conducir’ é un poemario de amor, cunha forte carga erótica. Unha historia contada a través da colisión, do accidente automobilístico como metáfora. Por que?
Porque é unha paixón desatada, que conduce irremediablemente cara ao accidente, e iso condiciona a propia forma dos poemas: a presenza da velocidade… É o desexo como instinto, unha paixón irracional, na que a voz lírica parece ás veces que se volve un pouco louca… Esa é a idea.
Había nos teus libros anteriores, como en ‘Átonos’, unha reivindicación dos sentidos. Como dis no teu blog, “non sabemos percibir” porque estamos atrapados na monotonía diaria. Nese sentido, é como se ‘Ningún amante’ incidise niso, pero desde outro camiño.
Si. É iso mesmo, mais levado ao extremo. Mais cun certo toque de antipoética. Aposta por un sentir máis primixenio, máis conectado ao instinto, un deixarse levar, fronte a esa cotianeidade que nos atrapa, si. Porque estamos tan condicionados pola monotonía cotiá que non podemos sentir nin vivir. Aínda que neste libro é un pouco o contrario: o instinto leva ao accidente, porque se cadra é mellor vivir con intensidade, aínda que sexa menos, que non vivir, que non ter vida.
Como pensaches esa estrutura en tres actos? Podería ser tamén como unha obra teatral.
Si que pode verse como unha obra en tres actos, e conectaría co esquema teatral de ‘Vinte en escena’, nese sentido. Só que en ‘Vinte en escena’ sería unha estrutura máis de posta en escena, e ‘Ningún amante’ é unha proposta que trata máis de romper os esquemas. Por iso dicía que ten unha certa condición de antipoética: é unha linguaxe máis espida, foi un traballo máis de pulir que de engadir, adxectivar… Porque, aínda que recolle liñas das obras anteriores, tenta romper con elas, ir máis alá delas, e contra a propia concepción das obras, dos principios sobre os que foron construídas: tampouco nun sentido moi posmoderno, porén!. ‘Ningún amante’ é, -non sei se dicir máis contemporánea-, pero hai nela unha aposta maior pola hibridación de xéneros. A parte máis poética, a primeira, ten certa narratividade porque conta a historia dunha amante que vai en busca do seu amante. A segunda parte é prosa, pero moi poética, e trata o tema do accidente. A terceira é un diálogo, coa súa parte teatral e narrativa, pero tamén poética. Hai unha confusión entre os tres xéneros, un diálogo entre eles. As fronteiras dilúense entre eles.
Hai certas imaxes que se repiten, como a da lingua, que estaba por exemplo en ‘Átonos’.
Hai imaxes que son como bases, que se reiteran, mais que tamén van adquirindo matices, como a da lingua, ou as metáforas musicais. Ou as comparacións con instrumentos. Flashes que son xa parte da túa identidade como autora…
E que remiten ao teu primeiro libro, ‘En clave de sol’, e as súas tonalidades nocturnas. Este primeiro libro reflectía unha vontade de liberación individual e colectiva. En ‘Vinte en escena’ seres marxinais fálannos desde a súa posición fóra da sociedade…
Concibo a creación, e a vida, desde a reivindicación do colectivo. En ‘Átonos’ iso estaba moi claro, porque os poemas acababan nun “nós”. Todos seguían un camiño cara á colectividade. En ‘Vinte en escena’ o núcleo son persoas sen teito, que viven sen guión preestablecido. E a reflexión que se formula é se as persoas que non teñen nada non serán máis libres que as que viven seguindo un plan perfectamente ordenado, con tantas ataduras que non poden vivir. Ao mesmo tempo, apúntase a que a sociedade é responsable de todo isto, que as persoas sen teito son vítimas do individualismo que domina a sociedade… En ‘Ningún amante’, esa expresión do colectivo é máis violento: é o choque, o accidente, o que nos leva a ser conscientes da realidade. Non vai tanto na vía sensorial como ‘Átonos’, nin nese sentido tan social como ‘Vinte en escena’. É máis como un golpe de efecto sobre o lector.
A unión dos corpos, os afectos, a procura da comunicación co outro estaban xa presentes, tamén, nos outros libros. Mais en ‘Ningún amante’ emerxe con máis forza.
Hai liñas que antes só se apuntaban e que en ‘Ningún amante’ se despregan con forza. Eses temas que dis conflúen na velocidade en ‘Ningún amante’, nesa idea do accidente, que é como un estourido, do que non sabemos se sairá a fin ou algo novo. O erotismo exprésase, así, de forma máis directa…
Entón o accidente non ten que acabar en final, en morte? Porque se fose así sería case como un castigo, un fin tráxico para esa paixón desatada. Que é un tema do máis clásico…
Non está todo pechado, non. Na primeira parte hai algo que queda aberto e que continúa na segunda. E nesa segunda non está conceptualizado o accidente como algo negativo, senón como a unión dos corpos. Por iso na terceira parte hai unha confusión dos personaxes, non sabemos se os dous corpos se fundiron nun…
Hai humor, xa desde o título, en ‘Ningún amante’. E tamén nos nomes dos poemas, que parecen sacados dun manual de conducir. Iso si que non estaba nos poemarios anteriores, non si?
Pois é verdade. Hai unha irreverencia, un atrevemento, unha tendencia antipoética como che dicía. Poemas con versos curtos, moi directos, moi contudentes. Porque é como un paso máis, un atreverse máis, unha ruptura: é sexo máis que ampr, é ironía xa desde o título… É como un darlle a volta ao poético.
Outro libro recente é ‘Un mar de sensacións’. E tes máis de autoría compartida.
Si, esa reivindicación da colectividade tamén a levo así á práctica. ‘Un mar de sensacións’ ten dúas partes. A primeira é unha guía da Costa da Morte, de Xan Fernández, con roteiros, e en cada roteiro hai paradas. A segunda parte son poemas sobre esas paradas, e é o que escribín eu. Participei noutros libros colectivos, como ‘Follas de Carballo’. Cando se cumpriron os 35 anos da Asociación Lumieira, fixemos este libro con varios autores de Carballo.
A Asociación Lumieira publicouche os primeiros poemarios, de feito.Tes participado en recitais do Batallón Literario da Costa da Morte. Canto influíu no feito de que ti participases nesas obras colectivas?
Non pertenzo ao Batallón por xeración, pero si que teño participado en varios recitais e teño relación con eles, claro. Son unha referencia moi importante para min, desde o principio. Xente coma Miro Villar, Paco Souto…
Publicaches todos eses libros en pouco tempo. Tiñas algús xa escritos?
Tiña cousas escritas e outras que fun facendo. Supoño que cando es nova vai todo máis rápido, tes moitas ganas de experimentar… Co tempo veñen a experiencia e a sabedoría… Mais eu aínda teño 25 anos…
Empezaches coa música, antes da poesía.Tamén vai haber música nas presentacións de ‘Ningún amante’?
Estamos mirando, si. Aínda que haberá un toque distinto. En ‘Vinte en escena’ había música con distorsión, con efectos… Estamos mirando a ver.