22/12/2009

7-X



As partituras ilegais seguen agochándose entre tebras e escuridade…e o foco dos faros nunca deixa de buscar por nós…
Chegou o momento.
Se non queremos ser destruídos temos que berrar con forza, escoitar os ritmos ocultos e compartir o segredo das tonalidades.
Entre todos, volveremos descifrar os sons da NOITE...esta vez en Glass City, entre o resplandor da Cidade de Cristal...


O xoves 7 de XANEIRO ás 17:00 na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán da Coruña...
RECITAL POÉTICO-MUSICAL de En clave de sol

Con Manolo Bello ó piano, Rosalía Fernández Rial á voz e Mon Lendoiro ó debuxo...

(ademais da prometida sorpresa final...)

As noites da Coruña tamén teñen tonalidade...vén a descubrila !




P.D.: os que asistiron ó acto de Carballo xa están a salvo do cataclismo...




03/12/2009

VENRES 11 DE DECEMBRO EN CARBALLO


Hai moito tempo descubrín que podía escoitar as NOITES e descifrar a súa tonalidade...
Quería compartilo, contarche o que sentía...
Así que empecei a escribir con música as miñas emocións....


O VENRES 11 DE DECEMBRO ás 21:00 no Pazo da Cultura de Carballo...

(re)PRESENTACIÓN do libro En clave de sol. Poemario musical de Rosalía Fernández Rial. Con ilustracións do pintor carballés Mon Lendoiro. (editado pola AC Lumieira)

Haberá....

-Un recital poético-musical con Manolo Bello ó piano e Rosalía Fernández Rial á voz.

-Un cadro sorpresa que Mon Lendoiro irá elaborando en directo.

-E sobre todo...unha GRAN SORPRESA final que só poderás descubrir se vés a compartir a noite do venres 11 con nós...

Esperámosvos a todos no Salón de Actos do Pazo da cultura de Carballo (terceira planta) o venres 11 de decembro ás 21:00 da noite.

31/10/2009

taca-pulta




cando espertei, a gaiola seguía aí, mofándose de nós. O fume que nos venderon axuda a esquecer. Por iso ninguén se acorda da vida anterior ós barrotes.
Ó final, o sistema conseguiu chutarme, así que tardarei en reaccionar. Pero en canto estea preparada seguirei a construír a catapulta que deseñei de pequena. E con ela romperei a túa celda; para que sexas libre, para que poidas despegar…

21/09/2009

duah duah




Un sistema afectivo temeroso. E destructor.
Cinco días coa mesma roupa. Soa. Demente. Emparanoiada.
Pero sen deixar de bailar...


Nunca conseguirei entenderme.
Así que zapateo
e pido perdón.

30/06/2009

simplemente




Saber que para sentir non fai falta pensar, nin finxir, nin xulgar...

Volver a nacer

E atreverse a todo porque nunca, ninguén, nos poderá roubar as emocións...

09/05/2009

P.S.



...roubaba pastillas de cores cando o neno das escaleiras me sacou a bailar.
Ergueu o sombreiro e prometeu atravesar os muros que me rodeaban...

-Elixo a vermella.

Cap!.Non había volta atrás, as arañas invadían o teito e estaba prohibido mentir.
Tari comezou a coleccionar os nosos momentos caducados, e agora debemos recuperalos...

si, a vida EN XOGO...(e qué?)...como se fose algo máis que iso...

-Eu a azul.

...e foi entón cando agasallei a Mr. Robison cunha coroa de estradas sen domesticar...

-Vous voulez le monde ?
-Oui !
-Alors, le monde est à vous

07/05/2009

Voiar.




...voiar ou matalos a todos. Un por un.

25/04/2009


hoje acordei com um cravo na mão

16/04/2009

AsoR + AíL


Claro que mereces unha explicación, nunca dixen o contrario. Pero se é difícil recoñecer a propia rareza, describila convértese en toda unha fazaña. A ver...
...

Imaxina unha armadura grosa, moi grosa, imposible de atravesar.
Agora supón que introducimos no seu interior dúas almas radicalmente opostas, Asor e Aíl. Asor non coñece o medo e non sabe o que é pensar, polo que intenta facer voiar á armadura, empurrala cara o infinito...
Aíl sempre llo intenta impedir, pero Asor e máis forte. Entón, o único que pode facer Aíl é arrepentirse, martirizarse, retorcerse dentro dunha armadura que se volve asfixiante e da que non pode saír... Vai a por Asor...e, debaixo da cota, comeza a sanguenta loita...

O interior da armadura sempre está en guerra porque Aíl e Asor nunca chegan a un acordo.
E, a pesar diso, teñen a obriga de dirixir o corpo dunha soa persoa...
...

Si, xa, supoño que quedaches como estabas, pero creo que non o sei describir mellor...



23/03/2009

voiando á deriva


-teeensa!!

a patria na proa

e océanos de soños para construir un país

26/02/2009



...a pesar de que sexan poucas as noites que tropezamos nas escaleiras, supoño que xa me acostumei a vela aí, co ollar cravado na fiestra...

Ás veces imaxino que baixo cun pixama a xogo co seu camisón, e que saimos a pasear a nosa covardía pola cidade de pedra. Só paramos para fumarlle os cigarros a ese fillo de puta. Iso si, sen que ninguén se decate de que estamos no mundo. Non falamos. Non é preciso falar. Pero sabemos que estamos xuntas, aínda que non nos coñezamos de nada.



Ás veces imaxino...



mais a verdade é que sigo aquí, na compaña de todos os meus medos. E ti...

Ti continúas nas escaleiras, co ollar cravado na fiestra...

11/02/2009

W. Y. S.



...e outra vez no interior do labirinto, cun medo que estreita as paredes e inunda de veleno os cristais do chan.
Intento entender por qué vou contra min, pero só consigo alimentar a paranoia; bifurcar o camiño de volta...

08/02/2009

O noveno Füriercan



Porque todo comezou aí; entre as reixas de Hurrican.
Cando a nosa inocencia aínda soñaba coa LIBERDADE.

...
...
...
...

e despois de nove invernos, unha frase non conseguirá asustarme...
Así que continúa a operación: antro, noite, farola, portal, sombreiro, xustiza, Rubin Carter, descapotable...

28/01/2009

"dans le port d'Amsterdam"



“A viagem não acaba nunca. Só os viajantes acabam. E mesmo estes podem prolongar-se em memória, em lembrança, em narrativa.
...
O fim duma viagem é apenas o começo doutra.. É preciso voltar aos passos que foram dados, para os repetir, e para traçar caminhos novos ao lado deles. É preciso recomeçar a viagem. Sempre.”
(Saramago)


Tiñas razón. Todos somos libres de esnafrarnos.

24/01/2009

- DARDOS -




"Com o Prémio Dardos reconhecem-se os valores que cada blogger, emprega ao transmitir valores culturais, éticos, literários, pessoais, etc., que, em suma, demonstram sua criatividade através do pensamento vivo que está e permanece intacto entre suas letras, entre suas palavras. Esses selos foram criados com a intenção de promover a confraternização entre os bloggers, uma forma de demonstrar carinho e reconhecimento por um trabalho que agregue valor à Web"
Todas as grazas do mundo para o Santo-máis-evolucionado que un ser humano pode coñecer.
E ameazo co meu dardo de tinta a:

Promontorium Nerium, por escribir a historia dos confíns da nosa patria.
Como las flores bajo la nieve, por sepultar os versos máis fermosos.
de medievalismo y otras aventuras, por Emiliano Zapata.

10/01/2009

The end


"The blue bus is calling us
The blue bus is calling us
Driver, where are you taking us?"
Erixiremos dentro o noso campanario, a nosa trincheira de grilos despistados...
E volverás apuntarme coa túa Walitherk 366...Pero desta vez, a min non me sangrarán os beizos e o derradeiro verso daquela canción soportará todas as verdades, incluída a verdade prohibida, a máis perigosa de todas.
Porque cando os freos do bus nos fagan espertar...
xa non estaremos vivos.

05/01/2009


-Papá!!, de onde veñen os Reis?

____________________________
Paz e forza
...para que cheguen antes de que deixe(mos) de crer...

03/01/2009

Kohaku



"Nada do que ocorre se esquece xamais, aínda que non poidas recordalo"